Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

sábado, 14 de xaneiro de 2017

VOLVER AO MAR DE RIVADULLA CORCÓN NO POEMA DA SEMANA

Volver ao mar


Volver ao mar, á orixe,
a primeira e a derradeira casa
a que alberga as lembranzas,
a que é unha xanela aberta ao futuro,
a que está situada no tempo que non existe,
que é no pasado, no presente e no futuro.
A orixe e o final,
a que nos contén e nós contemos,
volver ao mar, volver a nós,
que vemos mirándonos no espello.
Unha visión que non é unha imaxe,
que é unha pregunta:
que estamos agardando do mar?
Por que non podemos deixar de miralo
e escoitamos unha canción de berce
cifrada no seu rumor sen límite?

                            Rivadulla Corcón

1º ESO Agrupamento A/B rotulou este poema de Rivadulla Corcón. Autor nacido na Coruña, é coñecido pola súa faceta televisiva, especializado en formatos documentais. Tamén traballou na radio. Como escritor ten publicado literatura infantil, xuvenil, teatro e narrativa, pero considera que a poesía é o seu xénero creativo por excelencia: “Podería dicir que o único no que creo é na poesía, porque é o alicerce principal da miña vida".


A súa relación co mar é fundamental, tanto na literatura como no traballo televisivo. Rivadulla Corcón di ao respecto: “Escribo moito sobre o mar por dúas razóns. Unha porque cando era un neno sentinme fascinado pola imaxe das mulleres de Muxía agardando na ribeira a chegada dos barcos cos seus homes a bordo e tamén porque ao mirar o mar síntoo como un misterio que reflicte o meu propio misterio interior”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario