Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 20 de xaneiro de 2017

COUSAS DE CASTELAO POLOS QUINQUILLÁNS


O alumnado de 1ºe 4º da ESO asistiu o 18 de xaneiro no Auditorio de Vilagarcía á representación teatral que a compañía Os Quinquilláns fixo da adaptación de Cousas de Castelao. É verdade que converter un texto narrativo nunha obra de teatro ten certas dificultades, pero cando falamos dunha obra formada por múltiples relatos, esa dificultade tamén se multiplica.

Os Quinquilláns teceron os argumentos dos diferentes lances interrelacionando moitos dos relatos de Cousas. Na obra aparecen os personaxes e os argumentos das historias do burro profundador, do Rifante, da siña Sinforosa, da Marquesiña, do pai de Migueliño, dos namorados sorprendidos pola luz eléctrica, dos mariñeiros galegos que se atopan nun porto lonxano do norte, do sineiro Martín, do negro Panchito, do emigrante Bieito, etc.

A obra sabe recoller moi satisfactoriamente a fondura psicolóxica que Castelao imprimía aos personaxes das clases populares. Na ambientación destaca o protagonismo da vida na ría de Arousa hai un século. Personaxes como o Rifante, a siña Sinforosa ou os namorados sorprendidos pola luz eléctrica da escuadra inglesa, sitúanos nos mesmos escenarios en que nos movemos nós hoxe, mais cen anos atrás.

A editorial Galaxia agasallounos cun libro da edición especial de Cousas para esta representación dos Quinquilláns. Na imaxe aparece o alumnado de 1ºESO-B con cadanseu exemplar do libro que xa comezaron a ler.



1 comentario:

  1. Moitas grazas, mocidade da Arousa, por gozar con nós a Castelao un século despois. Vémonos no teatro!

    ResponderEliminar