Xa comezou o curso e a tripulación está lista para percorrer os mares: ZARPAMOS. A viaxe comeza con bo tempo, o Sol loce luminoso e o mar está en calma. Nós felices coas expectativas desta viaxe, que desexamos plena de aventuras e experiencias. Imos recoller a un amigo (que supoñemos que moitos de vós xa coñecedes), experto mariñeiro, que nos guiará nesta primera parte da travesía.
Non queremos despedirnos ata a seguinte entrada do diario de a bordo sen lembrar un poema que o noso capitán nos le antes de zarpar:
Ítaca
Cando comeces a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
pleno de aventuras, pleno de experiencias.
Aos Lestrigóns e aos Cíclopes,
ao irado Poseidón non temas:
nunca atoparás criaturas tales na túa ruta
se mantés o pensamento elevado, se unha
selecta emoción o teu corpo e espírito ilumina.
Aos Lestrigóns e aos Cíclopes,
ao feroz Poseidón non acharás.
Non, se non é a túa alma a que os alberga;
non, se non é ela a que chos mostra.
Pide que o camiño sexa longo.
Que sexan moitas as mañás de estío
que –con que pracer e ledicia!-
te conduzan a portos nunca vistos;
detente ante os mercados fenicios
e adquire as mellores mercancías,
madreperlas, corais, ámbar e ébano,
e toda sorte de perfumes sensuais,
tanta variedade deles como atopes;
vai a moitas cidades de Exipto
e aprende canto poidas dos seus sabios.
E leva sempre Ítaca na túa mente.
ela é a túa meta, o teu destino.
Mais non apresures nunca a túa viaxe.
É mellor que dure moitos anos
e recales na illa sendo vello,
rico de canto acadaches no camiño,
sen agardar que Ítaca te enriqueza.
Ítaca xa che deu tan fermosa viaxe.
Sen ela, nunca emprenderías o camiño.
Que máis pode ofrecerche?
E se a atopas pobre, non é que Ítaca te enganase.
Sabio como serás e con tanta experiencia
ben comprenderás o significado das Ítacas.
KAVAFIS, Konstantinos. Poemas canónicos, Ed. Rinoceronte
Ningún comentario:
Publicar un comentario