Tras varios días de singradura, chegamos por fin ao noso primeiro destino: Rimini, un fermoso pobo da Italia bañado polo mar Adriático. Ata alí nos levou a ansia de encontrármonos cun dos mariñeiros máis famosos de todos os tempos: Corto Maltés. Tarefa nada doada, como pronto puidemos comprobar, e que, tras infructuosas pescudas, nos obrigou a mergullarnos no mundo do espíritos. Foi alí onde mantivemos unha animada conversa coa pantasma de Hugo Pratt (1927-1995). Que tipo o Hugo, estivo con nós ben pándego! Vese que é unha persoa de ben, digo unha pantasma de ben, pero con todo, cando lle explicamos o noso plan de que queriamos a Corto a bordo do noso barco, puxo cara de preocupación, - Iso vai ser difícil - dixo - Corto évos un espírito libre e sempre anda viaxando polo mundo, de aventura en aventura-. Isto fixo que nos caera a alma aos pés. Pero como vos dixen, Hugo é un tipo fantástico e chiscando un ollo (o esquerdo) engandiu – Sei que anda por Venecia, deixádevos caer por alí, e dicídelle que ides da miña parte. A ver...-
Que chulo é Venecia compañeiros! E que labiríntico! O que nos custou dar con el nunha daquelas tabernas do Gran Canal. Alí estaba nun curruncho, coa súa sempiterna casaca azul e cun libro derriba da mesa(*). Recibiunos cortesmente. Cando lle formulamos a nosa petición fitounos burlón e soubemos a súa resposta antes de que a dixera. Pero entón produciuse o milagre, mencionamos a Hugo e os seus ollos claros chispearon ledos, - Como está o vello capitán? - dixo.
E aquí estamos. A punto de zarpar neste vella nave e co Corto en proa ollando o mar por entre o fume do cigarro. Penso que a felicidade débese parecer moito a isto.
(*) Por certo se vos interesa, ese libro era “A illa do tesouro” de Stevenson
Ningún comentario:
Publicar un comentario