Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 16 de decembro de 2016

Xa chegou o Nadal a Biblioteca

O Nadal xa chegou a Biblioteca do Bouza Brey. Este ano cambiamos a decoración, puxemos unha árbore minimalista e unhas fiestras maximalistas, decoramos para todos os gustos. Cada un/unha que escolla o seu estilo.















Pero non só decoramos a nosa biblioteca, tamén che recomendamos libros para que desfrutes nestas datas.


Mira as nosas vitrinas, fixemos algunha escolla para ti:





 Animádevos oh, e collede un libro !!!








sábado, 3 de decembro de 2016

VERSOS DE VENTO E SALITRE

Este curso a actividade O POEMA DA SEMANA ten como motivo o mar, por iso, subtitulámolo VERSOS DE VENTO E SALITRE.

Comezamos cun poema obrigado: "Ítaca", do autor grego Konstantinos Kavafis. O alumnado de 1ºESO-A foi o encargado de rotulalo. "Ítaca" é unha composición que compara a vida cunha longa viaxe en barco. As referencias mitolóxicas non agochan a mensaxe que Kavafis nos quixo transmitir: que vivamos co obxectivo de sermos persoas ricas en experiencias e sabiduría, que é o que realmente nos pode enriquecer. Este poema é o máis coñecido deste singular autor. Na península ibérica foi o catalán Luís Llach quen o difundiu ao poñerlle música en 1975.



1ºESO-B escolleu un poema que tamén ten música. Trátase de "Teu nome por mar e terra", musicado e interpretado por aCadaCanto. O texto pertence a un autor nado en Ponteareas, que foi escritor e xornalista Carlos Rivero Troncoso. O poema, descuberto por Xabier Díaz, converteuse no primeiro tema do primeiro grupo do cuarteto aCadaCanto.







martes, 29 de novembro de 2016

Contes autour du feu (Contos arredor do lume)

O mércores 16 de novembro tivemos a sorte de contar coa presenza do docente, mediador intercultural e narrador oral, Samuel Mountoumnjou, nacido en Camerún.
Os estudantes de francés do Bouza escoitaron os seus contos e lendas africanas. Gustáronnos todos moitísimo. Son historias cheas de calor e de cores que ademais de entreter, invitan a pensar, transportándonos ata as profundidades do continente e transmitíndonos o espírito africano.
No titulado "A granxa", un rato moi listo, demostrounos que cómpre ser solidario cos que teñen necesidades. Na fábula "O elefante que perdeu o ollo", Samuel explicounos que cando temos un problema hai que manter a calma, ser prudente e escoitar os consellos dos demais. No último conto, titulado "Quen é o rei?", un home moi humilde axuda desinteresadamente a outra persoa que ten dificultades. Despois descubre que a quen axudou foi ao rei, en quen a partir de entón, terá un amigo agradecido e fiel.
O mellor de todo foi que Samuel Mountoumnjou contou en francés as súas historias e todos fomos quen de entendelas! 



 

luns, 28 de novembro de 2016

CONCURSO DE CONTACONTOS: NAVEGANDO CON CASTELAO


O venres 25 de novembro celebramos o concurso de Contos do Outono, nesta edición baixo o subtítulo "Navegando con Castelao". Nel participou o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO cunha dignísima representación que demostrou o enorme talento que existe no noso centro. É un tópico falar do difícil labor do xurado nos concurso, pero neste caso foi unha clarísima realidade. Temos que felicitar a David Leis Nine (2ºESO), Fátima Fernandes e Uxía Piñeiro Moldes (3º ESO), así como a Cristina Souto (Lingua Castelá) e Marcos (Ciencias Sociais) polo seu magnífico traballo. 

Presentaron o acto Álvaro Ferro e Sofía Otero. Os contos versaron sobre diferentes temas: a vida de Castelao, relatos de Cousas que tratan sobre o mar, algunha orixinal adaptación, lendas xa existentes, historias inventadas, tenras, divertidas, orixinais...
Foi unha magnífica edición cunha enorme calidade. Aínda que os nervios sempre están moi presentes, o público apoiou aos participantes e gozou coas súas historias. 

PARTICIPANTES
Os nosos parabéns deben ser para os participantes desta edición, 11 magníficos contadores e contadoras: de 1º ESO David García Aragunde, Clarisse Gallego Fontaine, Matías Rozuadonsquey Castro e Joel Rubio González; de 2ºESO Iago Lorenzo Dios, Irea Ferreiro Álvarez e Víctor Lemos de la Torre; de 3º ESO Paula Fernández Riveiro, Juan Bugallo García, Paloma Muñiz Maneiro e Alberto López Pérez.   

GAÑADORAS
As persoas gañadoras foron:
1ºPREMIO 1ºESO: Clarisse Gallego Fontaine
2ºPREMIO 1ºESO: Joel Rubio González

1ºPREMIO 2ºESO: Irea Ferreiro Álvarez
2ºPREMIO 2ºESO: Víctor Lemos de la Torre

1ºPREMIO 3ºESO: Alberto López Pérez
2ºPREMIO 3ºESO: Paloma Muñiz Maneiro


O xurado, formado por Fátima Fernandes, David Leis, 
Uxía Piñeiro, Cristina Souto e Marcos 


David García Aragunde (1ºESO=-A) contou 
unha simpática sintética biografía de Castelao 

O orixinal conto de Clarisse Gallego Fontaine
 (1º ESO-A) falaba das andanzas de Castelao pola
 terra da que procede Clarisse: a Bretaña 


Joel Rubio González (1ºESO-B) atreveuse a cantar
 "Lanchiña que vas en vela"

Matías Rozuadonsquey Castro (1ºESO-B) emocionounos coa súa
 historia de naufraxios, golfiños e clarinetes na ría de Arousa 


Víctor Lemos de la Torre, obtivo o 2ºpremio na categoría de 2ºESO



 Iago Lorenzo Dios contou unha historia da súa propia autoría



Irea Ferreiro Álvarez








martes, 22 de novembro de 2016

Un recordo para Fermín Bouza Álvarez

A  finais de outubro morreu en Madrid o fillo de Fermín Bouza Brey e nós, dende a Biblioteca do Bouza, queremos recordalo con esta pequena achega.
O sociólogo e escritor Fermín Bouza Álvarez (Santiago, 1946) faleceu aos 70 anos na capital madrileña, onde traballaba como catedrático da Universidade Complutense.
Era fillo do intelectual galeguista Fermín Bouza-Brey e malia ter marchado a vivir á capital española hai moitos anos, sempre mantivo a súa actitude galeguista. Publicou en galego varias obras. A primeira delas, a novela Memoria do Diaño. A súa derradeira achega á literatura galega foi unha antoloxía de poetas galegos en Madrid, editada en 2012. Obtivo o Premio Nacional da Crítica Española con Labirinto de inverno.
Ademais mantiña un blogue no diario dixital InfoLibre dando a súa opinión da actualidade e compartindo con todas e todos as súas lembranzas e análises. A derradeira entrada é do 6 de outubro, comentaba que saía da UCI e analizaba a situación política do momento.