O mércores 16 de novembro tivemos a sorte de contar coa presenza do docente, mediador intercultural e narrador oral, Samuel Mountoumnjou, nacido en Camerún.
Os estudantes de francés do Bouza escoitaron os seus contos e lendas africanas. Gustáronnos todos moitísimo. Son historias cheas de calor e de cores que ademais de entreter, invitan a pensar, transportándonos ata as profundidades do continente e transmitíndonos o espírito africano.
No titulado "A granxa", un rato moi listo, demostrounos que cómpre ser solidario cos que teñen necesidades. Na fábula "O elefante que perdeu o ollo", Samuel explicounos que cando temos un problema hai que manter a calma, ser prudente e escoitar os consellos dos demais. No último conto, titulado "Quen é o rei?", un home moi humilde axuda desinteresadamente a outra persoa que ten dificultades. Despois descubre que a quen axudou foi ao rei, en quen a partir de entón, terá un amigo agradecido e fiel.
O mellor de todo foi que Samuel Mountoumnjou contou en francés as súas historias e todos fomos quen de entendelas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario