Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!
martes, 8 de maio de 2018
CARTAS DE DESAMOR
Xa sabemos cales son as premiadas deste ano. Son as que escribiron Carla Alcaine Fandiño, Uxía Nogueira Franco, Nerea Lodeiro, Joel Rubio González de 2º de ESO. Os premios foron entregados durante o transcurso do acto no que puidemos tamén escoitar a conferencia de don Xesús Alonso Montero para falarnos sobre a vida e a traxectoria de María Victoria Moreno, que se celebrou para homenaxear a María Victoria Moreno, autora a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas.
martes, 24 de abril de 2018
NO DÍA DO LIBRO RECIBIMOS TAM: O PRIMEIRO MANGA EN GALEGO
O alumnado do Agrupamento de 1ºESO xa ten nas súas mans a obra que vai ter como lectura neste trimestre para Lingua Galega. Chegou, xusto para celebrar o Día do Libro, o primeiro manga en galego. Trátase de Tam, a historia dunha rapaza que loita contra a morea de imposicións absurdas que padecen as mulleres sobre o seu aspecto físico. O libro é unha crítica chea de humor ao absurdo consumismo que nos devora en relación á moda e ao corpo.
A autora, Anémona de Río, vén de gañar o Premio de fin de estudos do Garaxe Hermético, dirixido por Kiko da Silva, e que conta cun destacadísimo elenco de profesores (Fernando Iglesias, Miguel Porto, Fran Bueno, Fernando Llor e Miguelanxo Prado).
Anémona de Río é así mesmo a autora da portada do vindeiro número da revista de banda deseñada dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés que está a piques de publicarse.
23 DE ABRIL: CAMIÑANDO CON MARCOS CALVEIRO POLAS RÚAS DE VILAGARCÍA
Para celebrar o Día do Libro, o alumnado de 1ºBach. participou nun roteiro literario co autor de O xardineiro dos ingleses, o vilagarcián Marcos Calveiro. Moitos dos participantes no paseo literario xa leran a novela ambientada na nosa cidade. O escritor, de forma clara e amena foi comentando as localizacións de diversos sucesos históricos e momentos da trama da novela.
A prensa recolleu deste xeito a actividade:
A prensa recolleu deste xeito a actividade:
É ben coñecido o afán de documentación que move a Calveiro antes de comezar cada novela. Así acontece, por exemplo, en Festina lente, Fontán ou Settecento. Neste roteiro literario, Calveiro amosou a súa capacidade para comunicar, non só na ficción, senón tamén co relato oral, e esa paixón polo pasado que se atopa en moitos dos lugares polos que transitamos cada día.

venres, 20 de abril de 2018
CAMIÑO LONGO DE CABANILLAS
Que poema tan fermoso de Ramón Cabanillas escolleu o alumnado de 4º da ESO para o noso taboleiro "Camiñando entre versos"! Forma parte do primeiro libro que publicou Cabanillas, foi no ano 1915 na Habana. O libro titúlase Vento mareiro e foi recibido dentro da cultura galega con entusiasmo, xa que a calidade lírica do poeta de Cambados facía pensar en tempos bos para a poesía galega.
O texto é fermoso e triste ao mesmo tempo. Está cheo de metáforas entre as que destaca a que dá título ao poema. Cabanillas compara a súa vida cun camiño longo e cheo de dificultades. Foi musicado cunha sensibilidade extraordinaria por Luís Emilio Batallán e editado no seu disco "Aí vén o maio", onde interpreta tamén poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Curros Enríquez.
CAMIÑO LONGO
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
camiño longo
da miña vida!
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
vereda torta,
ti onde me levas!
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
vereda torta,
ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
camiño longo
da miña vida!
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sin ágoa;
sin carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
vereda fonda,
ti cando acabas!
de fontes tristes, sin ágoa;
sin carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
vereda fonda,
ti cando acabas!
EXPOSICIÓN DO CONCURSO DE ADHESIVOS DO SALNÉS
DO PERGAMIÑO AO DIXITAL.
O PATRIMONIO CULTURAL GALEGO: MILENARIO E CON FUTURO
Xa están expostos os traballos realizados polo alumnado da ESO do noso centro para participar no XXIV Certame de Adhesivos pola Normalización organizado polos Equipos do Salnés. A Biblioteca en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega vén de montar unha pequena exposición con todos eles.
Durante esta semana asemade podemos ver a exposición dos traballos finalistas e gañadores do certame, entre os que se atopan os das alumnas do noso instituto Clarisse Gallego, gañadora do 2º premio na categoría de 1º e 2º ESO, e os de Carla Alcaine e Alejandra Lores, finalistas nesta mesma categoría, así como o de Irea Álvarez Ferreiro, na categoría de 3º e 4º ESO.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)















