Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 20 de abril de 2018

CAMIÑO LONGO DE CABANILLAS

Que poema tan fermoso de Ramón Cabanillas escolleu o alumnado de 4º da ESO para o noso taboleiro "Camiñando entre versos"! Forma parte do primeiro libro que publicou Cabanillas, foi no ano 1915 na Habana. O libro titúlase Vento mareiro e foi recibido dentro da cultura galega con entusiasmo, xa que a calidade lírica do poeta de Cambados facía pensar en tempos bos para a poesía galega. 

O texto é fermoso e triste ao mesmo tempo. Está cheo de metáforas entre as que destaca a que dá título ao poema. Cabanillas compara a súa vida cun camiño longo e cheo de dificultades. Foi musicado cunha sensibilidade extraordinaria por Luís Emilio Batallán e editado no seu disco "Aí vén o maio", onde interpreta tamén poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Curros Enríquez.


CAMIÑO LONGO
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
vereda torta,
ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sin ágoa;
sin carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
vereda fonda,
ti cando acabas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario