Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 18 de abril de 2018

POLOS CAMIÑOS DE TRASALBA E A VIDA DE OTERO PEDRAYO

O martes 17 de abril a primavera por fin sorriu con toda intensidade nas terras ourensás de Trasalba e Ribadavia. Por estes lares andaron a corricar as alumnas e alumnos de 2ºESO nunha proveitosa saída didáctica dos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega en colaboración coa Biblioteca. Ao rematar a visita á casa de Otero Pedrayo e as actividades correspondentes, Uxía Saborido, dende a solaina, deu lectura a un texto no que a fantasía a levou a se converter en amiga do gran escritor. 

A seguir, fixeron un pequeno roteiro literario dando lectura a fragmentos de diferentes obras que facían referencia aos lugares onde eran lidos. 

Ao mediodía, non desaproveitaron a ocasión para mergullarse nas augas termais de Outariz, en Ourense, e do rebuldeiro correr do río Miño. Xa pola tarde en Ribadavia fixeron unha actividade de descuberta desta fermosa vila medieval.

As imaxes amosan o moito que traballaron e o moito que gozaron desta saída didáctica. Non é de estrañar que pidan máis, por favor!!!





























luns, 16 de abril de 2018

UN MURAL PARA MARÍA VICTORIA MORENO





O alumnado de Agrupamento de 1º ESO elaborou este vistoso mural sobre María Victoria Moreno, autora á que se lle dedican este ano as Letras Galegas. É a 4ª ocasión en que unha muller é homenaxeada nesta celebración. Na primeira ocasión (1963) dedicóuselle a Rosalía de Castro. En 1987 Francisca Herrera Garrido e en 2007 María Mariño Carou foron as homenaxeadas.

María Victoria Moreno foi galega por decisión propia. Naceu nunha vila da provincia de Cáceres e viviu en diferentes lugares como Sepúlveda, Madrid e Barcelona. Cando chegou a Galiza decidiu empregar a nosa lingua e converteuse nunha activista a prol do idioma. Tamén foi unha defensora dos dereitos das mulleres. 

Como era profesora, foi moi consciente da necesidade de que houbese na literatura galega obras dirixidas ao público xuvenil e infantil. Por iso se puxo mans á obra e foi pioneira neste eido. Obras de gran éxito foron "Leonardo e os fontaneiros" e "Anagnórise". 

María Victoria Moreno foi tamén unha grande amante dos animais, especialmente dos cans, como queda reflectido na historia de Leonardo.

mércores, 11 de abril de 2018

CAMIÑAN DESCALZAS, UN POEMA DE ANA ROMANÍ

Ana Romaní é unha das poetas máis importantes da literatura galega. Destaca a enorme calidade dos seus versos e a coherencia do seu discurso poético. Ademais, leva conducindo o programa radiofónico Diario Cultural da Radio Galega dende hai case tres décadas. Foi elixida como académica da RAG hai menos dun mes (a mediados de marzo de 2018) e, a día de hoxe, aínda non pronunciou o seu discurso de ingreso.

O alumnado do agrupamento de 2º da ESO escolleu o coñecido poema "Camiñan descalzas polas rochas". Neles a autora fálanos do traballo que realizan as mulleres na sociedade. Di que é efémero, ou sexa, que dura pouco tempo, pero que, ao mesmo tempo, é o que verdadeiramente permanece.



mércores, 14 de marzo de 2018

NANINA SANTOS, ABRINDO CAMIÑOS DO FEMINISMO GALEGO



Nanina Santos, líder do feminismo galego e ex-profesora de Música do noso IES, estivo o mércores 14 de marzo na Biblioteca do Bouza Brey para ofrecer unha charla sobre feminismo e unha reflexión sobre a súa toma de consciencia e a súa traxectoria.

Nanina, pioneira da autoorganización das mulleres en Galiza, ofreceuse gustosa a responder unha bátega de preguntas realizadas polo alumnado asistente e así foi tecendo evocacións históricas e persoais a carón de reflexións sobre os temas que seguen atinxindo o feminismo na actualidade e que nos seguen inquirindo a todas: mozas e adultas, novas e vellas, rapazas e rapaces... 

Nanina falou da súa infancia, da situación da muller no tardo-franquismo, dos seus comezos na militancia política, do nacemento do movemento feminista en Galiza coa fundación da Asociación Galega da Muller, das súas primeiras e importantes campañas, mobilizacións e reivindicacións. Falou da revista "Andaina", da súa pertinencia; da necesidade de pensar e escribir, de artellar espazos, foros para as mulleres. Declarou o seu acordo con que os homes se sumen á loita feminista. Falou da loita polos dereitos sexuais, do machismo sutil, tamén chamado micromachismos...

Nanina regalounos para a biblioteca un exemplar do último número de "Andaina". Pola nosa banda, a Biblio do Bouza regalámoslle libros como "Aquel día en que eramos malas", de Inma López Silva e "Idiotizadas: de cuentos de hadas a emponderhadas", de Moderna de Pueblo.




Na imaxe superior vemos a Sara Doval, de 1º de Bacharelato, presentando a Nanina Santos.
Antes de comezar a charla produciuse a entrega de premios do IV Certame Fotográfico 8 de marzo "Mulleres abrindo camiños".


Na imaxe superior podemos ver os diplomas tan chulos que acreditan 
as gañadoras e gañadores do Certame Fotográfico 8 de marzo




Nesta instantánea vemos a Nanina Santos ollando os libros 
con que a agasallamos desde a Biblio do Bouza como
 agradecemento por ofecernos esta charla tan suxerente
 e que suscitou tanto interese entre o alumnado. 



martes, 13 de marzo de 2018

O 8 DE MARZO NON PARAMOS... QUEDAS

O 8 de marzo unha boa parte das alumnas/os e profesoras/es sumámonos ás mobilizacións e levamos a diante distintas actividades. Na Biblioteca  preparáronse os globos violetas con sorpresa: as preguntas de SABÍAS QUE... sobre distintos fitos protagonizados por mulleres. Tamén se fixeron os murais e os globos sobre o teito de cristal, para denunciar que os postos directivos seguen a estar maioriatariamente desempeñados por homes, mentres que os postos menos valorados, como son os traballos que implican coidados, son na meirande parte desempeñados por mulleres.