Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

sábado, 21 de outubro de 2017

EU TAMÉN NAVEGAR!

Xohana Torres deixounos o 12 de setembro de 2017, cando a chuvia anunciaba o comezo das clases no Instituto.
Esta autora, pioneira en tantos aspectos, agasallounos cunha poesía chea de calidade e lirismo, que transita entre o mar de Ferrol e Vigo e as terras de Compostela ou o Ribeiro. Desta bisbarra vitivinícola ourensá era orixinaria a súa avoa, a quen dedicou o seu último poemario Elexías a Lola, publicado en 2016. Do mundo físico e estético que Lola lle ofreceu naceu unha sensibilidade e unha estética inconfundíbel.
Na nosa biblioteca a penas tiñamos un exemplar de Adiós, María, recén adquirido a finais do curso pasado e aínda sen fichar. Deunos traballo, pero grazas á xenerosidade dos nosos colaboradores, logramos facer unha vitrina moi completa coa obra da autora.
Os seus versos tamén nos acompañan no vestíbulo do centro. O alumnado de 2ºESO-A vén de rotular o coñecido e reivindicativo poema Penélope, que poderemos ler no espazo do poema do mes.


OS CAMIÑOS DO CLUB DE LECTURA

O noso Club de Lectura vai comezar a súa andaina cos camiños do máis alá da man da coñecida novela Un monstro vén a verme de Patrick Ness e Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas. Dirixidas ao grupo de adultas/os (alumnado de Bacharelato, profes e persoal non docente) serán as lecturas de Os camiños na auga de Núñez Singala e Los tres nombres del lobo de Lola P. Nieva. Esta será a andaina polos camiños vitais e da historia.



Un monstro vén a verme de Patrick Ness, editado en galego pola editorial Kalandraka,
 encetará os camiños do máis alá no Club de Lectura Nao Senlleira do noso IES 

venres, 20 de outubro de 2017

A MEMORIA DA AUGA

Queremos comezar este curso cunha historia que nos leva polos camiños do mar. Mathieu Reynès é o guionista que nos ofrece a historia de Marion. Este criouse entre o País Vasco francés e Burdeos e nesta historia fainos chegar o recendo do mar e as misteriosas historias que vencellan aos habitantes da costa co seu pasado. Marion é unha adolescente que vai, xunto coa súa nai, vivir á casa da infancia materna. Nesta vivenda, situada enriba dun imprsionante cantil, descubrirá o pasado dos seus avós e os estraños vencellos que ela mesma ten cun inquietante fareiro... 
Valérie Vernay é a ilustradora.  Os realistas debuxos que nos ofrece transpórtannos a un mundo de brétemas con máis sombra e escuridade ca luces...





venres, 29 de setembro de 2017

CAMIÑOS



Botamos a andar.
Neste curso 17-18 percorreremos moitos vieiros, faremos camiños de ida e de volta a través dos versos, das historias e das músicas que entrarán e sairán da nosa Biblioteca.

Camiño branco, de Rosalía; Camiño longo, de Cabanillas; Os camiños da vida, de Otero Pedrayo; Camiños de luz e sombra, de Manuel María; Camiños na auga, de Núñez Singala ou Camiños de Lamatumbá. Sen esquecer On the road de Jack Kerouac ou os múltiples camiños de Machado.



Neste emocionante e intenso percorrido que temos por diante haberá un lugar moi especial María Victoria Moreno, escritora da literatura galega que veu de Cáceres e que converteu o galego na súa lingua. Con ela acompañaremos ao protagonista de Anagnórise na viaxe de ida e volta que o levará a atoparse consigo mesmo.

Faremos en varias ocasións o camiño a Vigo, xa que o noso destino será o Museo do Mar, para ver cos nosos propios ollos o Pergamiño Vindel que percorreu un longo camiño desde Nova York para poder ser exposto no lugar cantado nas 7 cantigas de Martin Códax que contén, ou sexa, no mar de Vigo.




Ledica Costas levaranos a pasear con Jules Verne polas rúas de Vigo para coñecer o inventor e empresario Sanjurjo Badía e a misteriosa vida das mulleres planta.



Agárdanos en Trasalba, Otero Pedrayo, o autor de Os camiños da vida. Neste percorrido por terras ourensás, pararemos tamén na cidade medieval de Ribadavia.

Camiñaremos entre palabras de mulleres e polos versos que convidan a non ficar paradas, a ir sempre máis alá: como os versos de Xoana Torres, a recentemente falecida poeta do mar. E é que a navegación que comezamos o curso pasado, continúa agora por ar, por terra e por mar.


Agardámosvos, coma sempre!














xoves, 1 de xuño de 2017

NAUFRAXIO: UN POEMA DE X.M. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

O alumnado de 2º ESO-B vén de escoller un novo poema da semana titulado "Naufraxio". É un texto do poeta e editor X.M. Álvarez Blázquez. Publicado no seu poemario Canle segredo. Trátase dun soneto de temática amorosa en ambiente mariño, temática e ambientación moi preferidas polo autor.

Por certo, das lembranzas máis queridas polo autor están as vivencias dos seus veráns en Baión, cando xogaba da mañá á noite en absoluta liberdade coa enorme requitropa que formaban os seus irmáns, curmás e curmáns. Aínda que a parroquia de Baión pertence actualmente ao concello de Vilanova, durante unha etapa do século XX Baión pertenceu ao concello de Vilagarcía de Arousa.