Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 24 de febreiro de 2019

COMPRAS COMISARIADAS EN COMPOSTELA: KÓMIC E COUCEIRO

De compras en Compostela, como xa fixeran os membros do Equipo de 1ºESO en Vilagarcía. Desta volta o obxectivo era comprar banda deseñada, xa que esta é a sección que máis demanda ten na nosa Biblioteca. Así que collemos o tren das nove e vinte da mañá e, nun velaivai estabamos na estación de Compostela. Moi pertiño de alí está a librería Kómic, da que somos clientes dende hai unha morea de anos. 
Desta sección durante moito tempo ocupáronse Mato e Carmelo, polo que son vellos coñecidos na librería, pero desta volta iamos directamente as persoas que usamos e, agora, tamén colaboramos na xestión da Biblioteca. 
Somos as mellores especialistas do mundo nos nosos propios gustos, inquedanzas e intereses. Por iso, quen mellor ca nós para facer as adquisicións. Así e todo, como Equipo que somos, cada compra se medita e negocia entre todas. Como o orzamento non é infinito, hai que ser moi responsábeis e pensar moi, moi ben que é o que levamos e que é o que deixamos quedar. 
Mercar na librería Kómic foi un pracer. Ademais, Pío atendeunos de marabilla, estivo moi atento ás nosas peticións e respondeu moi amablemente todas as nosas preguntas e dúbidas.
A seguir, a fume de carozo, fomos á cidade vella. Na praza de Cervantes está situada a preciosa librería Couceiro, que cumpre o vindeiro mes de marzo 50 anos. Precisamente cando nós chegamos estaban acabando de gravar a entrevista a Xesús Couceiro, o seu dono e fundador, para un documental.
A xornada foi intensa e moi aproveitada. As compras comisariadas, de novo, un éxito para a nosa Biblioteca.








Ningún comentario:

Publicar un comentario