O sábado 15 de decembro celebramos a FEIRA DE LIBROS. A verdade é que organizala supuxo un laborioso proceso no que o protagonismo correu a cargo do alumnado de 1ºESO do Equipo da Biblioteca. Precisamente este era un dos principais obxectivos da actividade. Outro, por suposto, o leitmotiv da mesma: darlle unha nova vida aos nosos libros. En palabras de Pablo Chaves: "Preferimos 100 persoas que lean que 1000 libros na biblioteca".
Ben é verdade que a meteoroloxía non axudou demasiado, pero entre os participantes o entusiasmo era desbordante. Así que, vencendo as adversidades, o noso posto da FEIRA DE LIBROS estivo toda a mañá á disposición do público da nosa cidade. Boa parte das persoas que se achegaron ata o nós e levaron libros eran amigas, parentes, coñecidas, pero tamén houbo persoas descoñecidas que se interesaron e colleron as obras que levamos á Feira. Todas elas nos felicitaron pola iniciativa. Foi interesante a experiencia de ter que orientalas segundo os seus gustos e preferencias. Case todas levaban libros para ler elas mesmas e para agasallar. Desta maneira contribúen a que a nosa actividade teña un impacto maior.
Así que consideramos que acadamos os obxectivos que nos propuxemos: visibilizamos a Biblioteca e o instituto, o Equipo do alumnado fomos os protagonistas de cada unha das tarefas que levamos a cabo para desenvolver a actividade e démoslle unha nova vida a moitos dos nosos libros. Un éxito total!
Agora xa temos ganas de que chegue o bo tempo para repetir a experiencia!
Algunhas das persoas que se achegaron eran coñecidas, familiares e amigas
Houbo persoas descoñecidas que nos felicitaron pola iniciativa
Comentábannos as súas preferencias e nós orientábamolas para que atopasen o que buscaban
Como a nosa primeira compradora (na imaxe superior),
case todas levaban libros para agasallar e para ler elas mesmas
Ningún comentario:
Publicar un comentario