Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 23 de febreiro de 2020

ENTROIDO 2020


Como non podía ser menos, a celebración do Entroido foi unha festa de convivencia e de imaxinación. As actuacións no salón de actos permitiron ver a creatividade do alumnado.
Parabéns e que o pasedes moi ben nestas vacacións!
A cargar pila que nos queda moito por aprender e moito que vivir á volta do Entroido!








COMPRAS EN COMPOSTELA


O xoves 29 de febreiro o alumnado do  Equipo de Biblioteca, acompañado por Pablo Chaves e Isabel G. Avión, realizou unha saída a Compostela para adquirir novos fondos. O obxectivo: ampliar os títulos do noso catálogo con libros para a bibloteca inclusiva e seguir afondando na reflexión sobre o medioambiente.
A viaxe fixémola en tren. Isto forma parte do concepto dunha biblioteca diferente, onde as experiencias son tan importantes como as lecturas.
Xa en Compostela vistamos a librería Aenea, onde realizamos unha interesantísima actividade, non por orixinal nin complexa, senón por como resultou. Cada alumna tiña que defender a compra do libro ou libros que desexaba levar para a nosa Biblioteca. Realmente demostramos que hai camiños que paga a pena transitar, xa que as exposicións foron tan ricas e mesmo brillantes, que as libreiras (afeitas a desenvolver esta actividade con numerosos centros educativos) estaban entusiasmadas e fartáronse de felicitarnos.
Tamén a librería Couceiro e a libreía Kómic recibirion a nosa visita e nelas adquirimos interesantes obras.
A anécdota protagonizouna unha alumna de 2ºESO-B que, ao entrar na librería Kómic, chorou de emoción e díxolle a Pablo Chaves: "Profe, trouxéchesnos ao paraíso!".

Estas son as experiencias que dan sentido a tanto traballo que desenvolvemos na Biblio do Bouza Brey

mércores, 19 de febreiro de 2020

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA CON DANI BARREIRO


Hoxe celebramos anticipadamente o Día de Rosalía. O 24 de febreiro cúmprense 183 anos do nacemento da nosa poeta nacional. Hoxe celebrámolo anticipadamente o Día de Rosalía cantando animadamente. Grazas ao Concello de Vilagarcía por ofecernos esta actividade! Grazas a Dani Barreiro e a Miguel Eyré por encher a nosa Biblioteca de versos e de melodías, grazas por facernos cantar, chorar e vibrar!

Percorremos versos moi coñecidos como "Eu cantar, cantar cantei", "Pr'a Habana", "Campanas de Bastabales", "Cando penso que te fuches" (Negra sombra), "Airiños, aires" ou "Adiós ríos, adiós fontes".






domingo, 16 de febreiro de 2020

O ALUMNADO DO CIP O PIÑEIRIÑO VISITA A NOSA BIBLIOTECA

O venres 14 de febreiro o alumnado de 6º de primaria do CEIP O Piñeiriño veu ao IES Fermín Bouza Brey para participar nunha actividade do Plan Proxecta. Con tal motivo, fixeron unha visita ás instalacións do centro, viron os talleres dos Ciclos Formativos e, como non podía ser menos, estiveron na nosa Biblioteca.

Alí os agarcaba unha representación do alumnado do Equipo de Biblioteca. Varias alumnas e alumnos de 1ºESO-A fixeron de anfitrións. Lucía Varela, Thais Duteil, Oisín Buceta, Marcos Treviño, Saray Leites, Mariña Fernández, Claudia Garrido e Antía Mollinedo explicáronlle quen somos e que facemos na Biblioteca do Bouza. Impresiona escoitar nuns poucos minutos a morea de actividades que levamos organizado e celebrado na nosa Biblioteca en só medio curso! E iso que non falamos do Concurso de Contacontos nin do Certame de Adhesivos pola Normalización, actividades en que a Biblioteca tamén colabora.

A verdade que o Equipo encargado de facer a presentación fíxoo de marabilla!!!





POR UN SAN VALENTÍN SEN AMOR TÓXICO



Moi importante a reflexión que fixo o alumnado de 1º ESO sobre o benquerer e o malquerer. Estes decálogos son o resultado. Os carteis da autoría de Daniela Nogueira e Pablo Framiñán, de 1ºESO-B.