Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 28 de novembro de 2018

COMPRAS COMISARIADAS POLO EQUIPO DE ALUMNADO DA BIBLIOTECA

A actividade das compras comisariadas polo Equipo de alumnado Biblioteca resultou un éxito. Os participantes deron mostra dunha grande responsabilidade. Pecudaron, leron, reflexionaron e seleccionaron unha chea de libros para traer á Biblioteca. Foi moi emocionante. Moitas das participantes viñan cheas de ilusión e mesmo lendo os libros pola rúa. Astronomía, Medicina, Feminismo, Manga, historias LGTB, sobre a 2ª Guerra Mundial, Física, grupos de música...
As traballadoras da librería sorprendidas do ben que se portaron 23 adolescentes fedellando por todo o local.
Sobrepasamos os obxectivos que nos marcamos!!!









martes, 27 de novembro de 2018

CONTOS DO OUTONO: TRANSFORMÁNDONOS


Este próximo venres 30 de novembro celebraremos baixo o lema "Transformándonos" unha nova edición do noso tradicional concurso de contacontos. Nel participará o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO que leva semanas preparando as súas mellores historias de metamorfoses, cambios vitais e transformacións. Seguro que vai ser unha interesantísima cita no salón de actos do noso centro, a partir das 12:50 e ata as 14:30.
                                                                  Moita sorte a todas/os as participantes!!!

LECTURAS FRONTE AS VIOLENCIAS DE XÉNERO!


Son moitas as propostas de lectura para reflexionar sobre a violencia de xénero. Dende Pascual Alapont co a súa novela O inferno de Marta, pasando por A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, os Diario azul e Diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, sen esquecer unha das nosas autoras favoritas, Montse Fajardo co seu libro Invisibles, que da man de do grupo Rerum chegou a Vilagarcía en forma de obra de teatro a pasada fin de semana, ou Si es amor, no duele, de Pamela Palenciano, que con forma de monólogo e baixo o título No sólo duelen los golpes puidemos ver o pasado curso no Auditorio.
Todos estes títulos a algúns están á vosa disposición na biblioteca e forman a exposición da nosa vitrina con lectura a conto do 25N. Non deixedes de botarlle un ollo.



ANTÓN BLANCO CASÁS: VERSOS PARA NÓS


Este mes o alumnado de 1º ESO-A rotulou o poema dun poeta vilagarcían novo: Antón Blanco Casás, que nos fixo chegar unha composición do seu primeiro libro A oseira, publicado na editorial Chan da Pólvora en 2016. Antón, que estivo no noso instituto no pasado mes de xuño nun encontro no Club de Lectura, quixo enviarnos este poema xa que nel evoca a traxedia do naufraxio de Sálvora e as súas heroínas. Estas últimas semanas estivemos traballando nas aulas sobre esta impactante traxedia que hai case 100 anos que se produciu. Nicolás, alumno de 1ºESO-B, achegou á aula un exemplar de O Santa Isabel. Emigración, traxedia e heroísmo, un libro resultante da exposición dirixida por Pilar Casas Gil no ano 2014. Este libro forma parte da biblioteca do colexio no que traballa a súa nai en Ribeira, que ten por nome CEIP Heroínas de Sálvora, situado en Aguiño. 









xoves, 22 de novembro de 2018

CONTRA AS VIOLENCIAS





Estamos a preparar a celebración do 25 de novembro, Día Mundial contra a violencia de xénero. Antes de que o Concello de Vilagarcía propuxese unha actividade para que participase o alumnado de 1º e 3º da ESO onda a Casa Consistorial, xa desde a Biblioteca nos puxeramos a organizar xunto coa profe de Música unha actividade consistente en cantar dous temas de dúas grandes artistas: Rozalén e Guadi Galego. Trátase de "La puerta violeta" e "Coidar de min".

As cancións serán interpretadas polos grupos que non asistan ao acto do Concello ás 11h. no salón de actos.