Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

xoves, 28 de outubro de 2021

CLUB DE LECTURA E CONCURSO DE CABAZAS

  Ola a tod@s: xa estamos de volta no blog da biblioteca.

Este venres 29, no recreo, teremos a primeira sesión do club de lectura deste curso 💀, onde presentaremos todas as actividades previstas, e o concurso de cabazas 🎃. 

NON VOLO PERDADES!!!!!!





martes, 7 de abril de 2020

NON CANCELAMOS A CULTURA

A Biblioteca do IES BOUZA BREY quere sumarse á campaña d@s traballador@s da cultura:
#NonNosCanceles

Este é o seu manifesto:

A cultura, no seu sentido máis amplo, tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro.Todas as artes están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude. Milleiros de artistas en xeral, promotores-as, produtoras, axencias de representación, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade… e un longo etc. de profesións que sufrimos un paro indefinido e sen apenas soporte a corto-medio prazo.Fanse urxentes medidas para un sector no que fomos os primeiros en saír da escena e non queremos ser os últimos en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado.

Sen cultura non hai país. A imaxe que ilustra esta entrada é unha composición feita con fotografías que aparecen no instagram do hashtag #NonNosCanceles




xoves, 2 de abril de 2020

DÍA MUNDIAL DO AUTISMO: QUEREMOS SER UNHA BIBLIOTECA INCLUSIVA



2 de abril: Día Mundial do Autismo
A Biblioteca do IES Bouza Brey quere celebrar esta data, non só para concienciar sobre a inclusión, senón porque cremos que é un día para visibilizar as diferenzas e para agradecer as aprendizaxes sobre a vida que as persoas con autismo nos ofrecen💙

martes, 31 de marzo de 2020

A PLATAFORMA GALICIALE ABRE O CATÁLOGO DAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS PARA O SEU ACCESO LIBRE

A través da plataforma GaliciaLe podemos acceder libremente ao catálogo dixital da Xunta, con máis de 4500 obras. Só temos que rexistrarnos para poder gozar dunha morea de libros, pelis, cómics...


sábado, 28 de marzo de 2020

UN APLAUSO PARA AS RAPAZAS E RAPACES DESTA SOCIEDADE

Hoxe sábado, ás 6 da tarde, sairemos ás xanelas e balcóns a dar un aplauso para todas as nenas, os nenos, as rapazas e os rapaces, os grandes esquecidos desta crise.


Agunhas voces, moitas das nais e dos pais, veñen subliñado isto. Hai unha semana, o profesor César Rondueles da Universidade Complutense de Madrid escribiu un artigo nas redes sensibilizando sobre o silenciamento da situación das persoas menores de 16 anos, pechadas nas súas casas e cargadas de deberes.

Nesta crise, a educación foi reducida a unha mera cuestión de deberes, obviando os diversos procesos de aprendizaxe que se levan a cabo nun centro educativo, que é moito máis intenso que realizar os exercicios da páxina 121 ou da Aula Virtual.


A intensa actividade que desenvolve a Biblioteca é unha mostra diso, de que aprender é moito máis


.

martes, 24 de marzo de 2020

HOXE CHORAMOS A MORTE DO GRAN DEBUXANTE DE ASTERIX E OBELIX

Hoxe o mundo do cómic está de loito. Morreu o gran debuxante Albert Uderzo, creador, xunto con René Goscinny, das aventuras de Asterix e Obelix.
Quen non gozou coas disparatadas aventuras dos habitantes da aldea gala que resistía fronte á dominación romana?
Nestes días difíciles, nós tamén temos a nosa poción máxica: o civismo, a responsabilidade e a solidariedade.


luns, 23 de marzo de 2020

TV EDUCATIVA NA PROGRAMACIÓN MATINAL

Lembrade que, tanto a TVG2 como a TVE ofrecerán a partir de hoxe contidos educativos nas súas programacións matinais. Unha proposta para quen devece por seguir aprendendo dun xeito ameno e pautado.


 

domingo, 22 de marzo de 2020

FACER EXERCICIO NA CASA


É moi importante manterse activas estes días. A profesora de Educación Física Araceli Dobarro envíanos numerosas propostas para coidar da nosa saúde física e mental. Lembrade que para estar ben psiquicamente, temos que coidarnos fisicamente.
Nos vindeiros días iremos subindo máis consellos e suxestións.

sábado, 21 de marzo de 2020

21 DE MARZO. HOXE CELEBRAMOS TAMÉN O DÍA DA SÍNDROME DE DOWN


Os nosos compañeiros do CEE de Vilagarcía lémbrannos que hoxe, ademais do Día da Poesía, é tamén o Día da Síndrome de Down. Como Biblioteca inclusiva, queremos sumarnos á celebración, por unha sociedade mellor para todas as persoas.

DÍA DA POESÍA: ÁS CREBAS, UN POEMA DE SUSANA SÁNCHES ARINS

21 de abril. Día da Poesía
Queremos celebralo con este poema que Susana Sánches Aríns nos ofreceu para o proxecto "Desplastificándonos" que temos en marcha na Biblioteca do Bouza Brey.
Este poema foi rotulado polas alumnas de 2° ESO Lucía Soto e Luz Fernández para a contrportada do último número da revista Bardos.
Susana Sanches Aríns debuxa unha costa, unhas praias inzadas dos restos de lixos que xeramos os humanos. A expresión que dá título ao poema fai referencia ao costume da xente do mar a ir apañar os restos que o mar deixa na mallente (liña da marea alta) despois dos temporais, sobre todo se houbera algún naufraxio).
Susana non parou de recibir recoñecementos nestes últimos meses, sobre todo polo seu libro Seica.
Hoxe queremos felicitala a ela e a todas as persoas que cren no poder da poesía.

venres, 20 de marzo de 2020

IGNAZ SEMMELWEIS, O LAVADO DE MANS E O FEMINICIDIO DAS PARTURENTAS




Hoxe "san" google celebra Ignaz Semmelweis, o médico húngaro que tantas vidas ten salvado na historia recente da humanidade, con algo tan básico como dicir que é imprescindíbel lavar as mans para evitar transmitir infeccións. O caso é que no século XIX os médicos mataban involuntaria e arrogantemente moitas mulleres cando atendían partos coas mans sen lavar, xa que lles provocaban unha infección denominada septicemia. Tan arrogantes eran os médicos que se negaban a admitir as probas que achegaba Semmelweis, que padeceu o desprezo e marxinación dos seus colegas. Semmelweis morreu aos 47 anos, seguramente, por unha infección provocada por tunda propinada polos gardas do asilo no que fora ingresado.
Só anos despois da súa morte a clase médica admitiu as súas indicacións logo das investigacións de Louis Pasteur.
A avoa de quen isto escribe foi infectada nun parto polo seu médico e só a librou dunha morte segura a súa "constitución de cabalo" en palabras doutro médico.
Esta historia debe facernos valorar os avances na medicina e na sanidade en xeral, así como procurar seguir as indicacións sinxelas pero necesarias que nos fan á poboación para evitar a propagación da enfermidade infecciosa que hoxe nos ten confinad@s.
Para ver unha interesante curtametraxe sobre este personaxe pincha AQUÍ

domingo, 23 de febreiro de 2020

ENTROIDO 2020


Como non podía ser menos, a celebración do Entroido foi unha festa de convivencia e de imaxinación. As actuacións no salón de actos permitiron ver a creatividade do alumnado.
Parabéns e que o pasedes moi ben nestas vacacións!
A cargar pila que nos queda moito por aprender e moito que vivir á volta do Entroido!








COMPRAS EN COMPOSTELA


O xoves 29 de febreiro o alumnado do  Equipo de Biblioteca, acompañado por Pablo Chaves e Isabel G. Avión, realizou unha saída a Compostela para adquirir novos fondos. O obxectivo: ampliar os títulos do noso catálogo con libros para a bibloteca inclusiva e seguir afondando na reflexión sobre o medioambiente.
A viaxe fixémola en tren. Isto forma parte do concepto dunha biblioteca diferente, onde as experiencias son tan importantes como as lecturas.
Xa en Compostela vistamos a librería Aenea, onde realizamos unha interesantísima actividade, non por orixinal nin complexa, senón por como resultou. Cada alumna tiña que defender a compra do libro ou libros que desexaba levar para a nosa Biblioteca. Realmente demostramos que hai camiños que paga a pena transitar, xa que as exposicións foron tan ricas e mesmo brillantes, que as libreiras (afeitas a desenvolver esta actividade con numerosos centros educativos) estaban entusiasmadas e fartáronse de felicitarnos.
Tamén a librería Couceiro e a libreía Kómic recibirion a nosa visita e nelas adquirimos interesantes obras.
A anécdota protagonizouna unha alumna de 2ºESO-B que, ao entrar na librería Kómic, chorou de emoción e díxolle a Pablo Chaves: "Profe, trouxéchesnos ao paraíso!".

Estas son as experiencias que dan sentido a tanto traballo que desenvolvemos na Biblio do Bouza Brey

mércores, 19 de febreiro de 2020

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA CON DANI BARREIRO


Hoxe celebramos anticipadamente o Día de Rosalía. O 24 de febreiro cúmprense 183 anos do nacemento da nosa poeta nacional. Hoxe celebrámolo anticipadamente o Día de Rosalía cantando animadamente. Grazas ao Concello de Vilagarcía por ofecernos esta actividade! Grazas a Dani Barreiro e a Miguel Eyré por encher a nosa Biblioteca de versos e de melodías, grazas por facernos cantar, chorar e vibrar!

Percorremos versos moi coñecidos como "Eu cantar, cantar cantei", "Pr'a Habana", "Campanas de Bastabales", "Cando penso que te fuches" (Negra sombra), "Airiños, aires" ou "Adiós ríos, adiós fontes".






domingo, 16 de febreiro de 2020

O ALUMNADO DO CIP O PIÑEIRIÑO VISITA A NOSA BIBLIOTECA

O venres 14 de febreiro o alumnado de 6º de primaria do CEIP O Piñeiriño veu ao IES Fermín Bouza Brey para participar nunha actividade do Plan Proxecta. Con tal motivo, fixeron unha visita ás instalacións do centro, viron os talleres dos Ciclos Formativos e, como non podía ser menos, estiveron na nosa Biblioteca.

Alí os agarcaba unha representación do alumnado do Equipo de Biblioteca. Varias alumnas e alumnos de 1ºESO-A fixeron de anfitrións. Lucía Varela, Thais Duteil, Oisín Buceta, Marcos Treviño, Saray Leites, Mariña Fernández, Claudia Garrido e Antía Mollinedo explicáronlle quen somos e que facemos na Biblioteca do Bouza. Impresiona escoitar nuns poucos minutos a morea de actividades que levamos organizado e celebrado na nosa Biblioteca en só medio curso! E iso que non falamos do Concurso de Contacontos nin do Certame de Adhesivos pola Normalización, actividades en que a Biblioteca tamén colabora.

A verdade que o Equipo encargado de facer a presentación fíxoo de marabilla!!!